Tuesday 21 de May de 2024

A Xunta optimiza a súa atención cidadá cun decreto centrado no emprego das novas tecnoloxías e as persoas con discapacidade


O vicepresidente, Alfonso Rueda, e a directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, presentaron na ONCE o borrador de decreto

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo unha reunión con responsables da ONCE en Galicia para presentarlles o borrador dun decreto que garantirá unha mellor e maior atención cidadá, en especial ás persoas con discapacidade.

Rueda reuniuse co delegado territorial da ONCE Galicia, Manuel Martínez Pan, e co presidente do Consello Territorial ONCE Galicia, Carlos Fernández Lamigueiro, nunha xuntanza na que tamén participaron a directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo.

O texto desenvolve da Lei de calidade dos servizos públicos e da boa administración e recolle polo miúdo como debe ser a atención á cidadanía, os instrumentos de difusión da información e o procedemento para a presentación e tramitación das suxestións e queixas. En definitiva, esta nova regulación garante unha actuación global e uniforme de todo o sector público autonómico no eido da atención á cidadanía.

Unha das principais novidades do decreto é que establece que a Xunta debe facilitar toda a axuda e orientación que a cidadanía precise nas actuacións que desexe realizar coa Administración, en especial coas persoas con discapacidade. Así, deberán poñerse á súa disposición os medios e/ou formatos adecuados de maneira que resulten accesibles e comprensibles.

Queixas e suxestións a través do 012
Co obxectivo de favorecer a accesibilidade á Administración, especialmente ás persoas con discapacidade visual, o decreto incorpora como novidade a posibilidade de presentar suxestións e queixas a través do telefono 012 tendo a mesma consideración e tratamento que as presentadas polas demais modalidades.

Ademais, garántese a permanencia do servizo de videointerpretación en lingua de signos para persoas xordas a través da súa previsión regulamentaria, así como o dereito da cidadanía a recibir unha resposta na lingua cooficial solicitada pola persoa interesada.

Impulso dos medios electrónicos
Outra das claves do decreto é o impulso do emprego dos medios electrónicos en relación coa atención á cidadanía, incorporándose por primeira vez á sede electrónica as solicitudes de información e a formulación de suxestións e queixas. Deste xeito, a cidadanía pode exercer en condicións totalmente seguras, o seu dereito de acceso á información e a formulación de suxestións e queixas as 24 horas dos 365 días do ano.

Para avanzar no proceso de simplificación administrativa, un dos obxectivos primordiais do Goberno galego, o decreto establece que os modelos de solicitude de información –xeral e particular- e de suxestións e queixas, poderán ser actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia sen necesidade de publicalos novamente no DOG.

A Xunta trasladoulle o borrador a ONCE coa intención de recadar as súas suxestións e ideas ao proxecto, un proceso que repetirá con outras institucións e a porpia cidadanía, xa que o texto do decreto subirase ao Portal de Transparencia esta mesma semana para que poida ser coñecido por todos e poidan presentar alegacións.